Presentación do Libro branco

O alcalde de Pontevedra pídelle a Rajoy que non repita o erro da ditadura ao consolidar Ence en Lourizán

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu esta semana un escrito ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, explicándolle o sentimento do pobo de Pontevedra e da súa comarca; a importancia de non volver cometer un segundo erro histórico que consolidará a Ence na ría para sempre, e as esperanzas de miles de pontevedreses de poder ver a ría libre de contaminación, unha estampa case desaparecida da memoria dos veciños da ría de Pontevedra.

D. Mariano Rajoy Brey
Presidente
Gobierno de España
Excmo. Sr. Presidente,

Diríxome a vostede como Alcalde da súa cidade, en canto que nela pasou unha grande parte da súa vida e a ela, de seguro, volverá no futuro para ficar; fágoo no convencemento de que represento o sentir da inmensa maioría dos veciños e veciñas de Pontevedra e mesmo, a opinión tamén maioritaria da poboación dos concellos da ría; mais fágoo tamén, coa esperanza de que saberá escoitar a este representante do poder local democraticamente elixido.

Quero, a través desta misiva, trasladarlle a inmensa preocupación do pobo de Pontevedra en relación á posibilidade de que o goberno que vostede preside poida cometer un erro histórico que hipoteque o futuro da nosa cidade e da nosa ría: a prórroga da concesión do Grupo empresarial Ence. Un erro que, de cometerse, tería unha repercusión negativa semellante, e mesmo maior, que o cometido o 13 de xuño do 1958, hai xa 57 anos, polo goberno de Francisco Franco, outro cidadán de orixe galega e de infausta lembranza para esta comarca.

A prórroga refírese, como vostede ben sabe, á concesión de 612.500 m2 de bens de dominio público marítimo terrestre, destinado no seu día á construción dunha fábrica de pasta de celulosa Kraft, na zona marítimoterrestre que se ía reencher, abranguida entre o ferrocarril de Pontevedra a Marín e a estrada de unión dos portos de Pontevedra e Marín.

Esta concesión, e a propia localización en terreos gañados ao mar da referida industria contaminante, está considerada unanimemente como unha das maiores aberracións que se cometeron no pasado século dende o punto de vista medio-ambiental, paisaxístico e do propio sentido común, en toda a península Ibérica, ao habilitar a instalación dunha industria de enclave, que nin sequera esgota o ciclo produtivo, nunha paraxe paradisíaca, ambientalmente vizosa e economicamente produtiva.

O complexo industrial, que rematou sendo privatizado, xerou e segue a xerar incontábeis episodios de molestias e de insalubridade, ademais de múltiples problemas polo seu carácter nocivo, perigoso e prexudicial para a saúde humana, sobre todo por emisións atmosféricas e verteduras á ría; chegando a ser condenada a empresa concesionaria, na persoa dos seus directivos, por delito ecolóxico, por contaminación atmosférica e hídrica, por danos continuados a vivendas e cultivos e por faltas contra as persoas.

Hai decenas de miles de veciños que non pasaron nin un só día da súa vida sen aspirar o seu fume, padecer as súas emisións atmosféricas e verteduras á cadea alimentaria, soportar os cheiros e ruídos, e sufrir a presenza desta industria contaminante a escasos metros dos seus fogares; coido que xa sufriron dabondo.

Aspiramos lexitimamente a ver a nosa ría libre de industrias como ENCE-ELNOSA e das súas contaminantes verteduras, nun emprazamento, gañado ao mar, inaceptábel e incompatíbel co desenvolvemento sustentábel e que se tenta detraer ao uso público de veciños e veciñas mediante unha prórroga que equivale, de facto, á súa privatización.

Vostede e eu participamos hai pouco na cimeira do clima en París, e agora temos ocasión de demostrar na práctica o que manifestamos publicamente e de materializar as unánimes arelas que nesa cimeira se manifestaron por todos os gobernos do mundo.

Coidamos que a concesión en vigor debera terse declarado totalmente caducada e non renunciaremos a defender esta postura en todas as instancias, mais o que non se pode cuestionar é que o capital privado que mercou as accións era coñecedor do prazo de caducidade que condicionaba mesmo o prezo de adquisición; pola contra, a prórroga suporía tamén un inxustificábel agravio comparativo con miles de empresas e emprendedores aos que ninguén lles regala o solo que ocupan.

Vostede non pode deixarlle en herdo aos nosos netos e netas unha industria que cada vez xera menos postos de traballo e que mesmo afirmamos que destrúe máis dos que crea (1% do emprego da cidade, 40 % menos dos que tiña cando comezou a funcionar), que impide o desenvolvemento de sectores como a pesca, a acuicultura ou o marisqueo, o comercio ou o turismo, e que ademais, coarta o desenvolvemento urbano da comarca de Pontevedra. Sr. Presidente, a súa cidade chegou a Lourizán e quere recuperar ese espazo público.

A realidade incuestionábel é que ENCE está a impedir a creación de emprego na comarca en sectores
primarios, ao destruír os recursos naturais e, de forma inducida, ao impedir a chegada de empresas limpas, ademais de propiciar o monocultivo de eucalipto do espazo forestal que contribúe ás cíclicas vagas de lume.

Nas súas mans está que non se cometa un segundo erro imperdoábel e irreversíbel para o noso futuro.

Aínda hai tempo para que a empresa marche antes de 2018 a unha localización alternativa fóra da Ría de Pontevedra que permita, asemade, cambiar a tecnoloxía, culminar o ciclo produtivo e crear novos postos de traballo. E se así o decide, terá todo o noso apoio para a recuperación do espazo marítimo-terrestre de Lourizán.

Os pontevedreses e pontevedresas fomos quen de reconverter unha cidade caótica e triste nun lugar que poñen de exemplo en todo o mundo de como se deben construír hoxe as cidades ao servizo das persoas, para que sexan máis habitábeis e sustentábeis, en definitiva para que sigan a ser hábitats humanos nos que se poida respirar aire puro. Mais nese proceso, precisamos tamén continuar as reformas na nosa contorna, porque a alguén se lle ocorreu, no século pasado, colocar o inodoro no comedor da casa, porque a ría é a nosa “despensa” alimentaria, turística e paisaxista; a ría é o noso futuro, non permita que ENCE a secuestre.

Pedímoslle que non outorgue a prórroga a ENCE e esixímoslle que esa transcendente decisión non a adopte un goberno en funcións.

Na súa cidade de Pontevedra, 11 de decembro do 2015
Asdo.
Miguel Anxo Fernández Lores