Ence fóra solicita ante Costas que non prorrogue a concesión por 50 anos máis

A Plataforma Ence fóra da ría para sempre visitou esta mañá o Servizo provincial de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, e situado na rúa San José de Pontevedra, para presentar un escrito no que se insta á administración do Estado a non prorrogar a concesión de Ence por 50 anos máis e que reconsidere a súa decisión sobre a caducidade da concesión.

 

AO SERVIZO PROVINCIAL DE COSTAS.- PONTEVEDRA.

 

As persoas abaixo asinantes, maiores de idade e con enderezo a efectos de notificación no apartado 414 de Pontevedra (código postal 36080), en nome da plataforma encefora.gal,

DIN:

Desde que o Partido Popular levou adiante a modificación da Lei de Costas que, entre outras cousas, permite a prórroga ás concesións situadas en zonas de dominio público marítimo-terrestre, quedou claro que a permanencia de ENCE –e mesmo a de ELNOSA- no seu actual emprazamento en Lourizán mais aló do 2018 era un dos seus obxectivos.

Definitivamente, quedou clara a posición do PP verbo da permanencia da CELULOSA en Lourizán, unha posición que para moitos/as de nós era evidente pero que viña sendo negada sistematicamente pola Xunta de Galicia e mesmo desde o Goberno central; en efecto, e –sen dúbida co obxectivo de gañar apoio social na comarca- desde o goberno galego veuse asegurando que, con modificación da Lei de Costas ou sen ela, impedirían a renovación da concesión de ENCE na Ría, unha afirmación que resultou papel mollado. Están decididos a concederlle máis de 50 anos de prórroga na Ría.

E mesmo semella que queren asegurar esta prórroga tomando a decisión antes da toma de posesión do novo goberno para evitar posíbeis voltas atrás no caso de perder as eleccións xerais, unha decisión inxustificábel desde o punto de vista ético que podería rozar a prevaricación pois estarían a tomar unha decisión a sabendas de que é inxusta. En efecto, unha decisión como esta suporía a hipoteca da Ría, dos postos de traballo derivados da explotación racional dos seus recursos e daqueles dos sectores forestal e turístico e impediría, definitivamente, o seu saneamento e recuperación e sería contraria á Lei xa que –moi ao contrario do que sostén a Dirección Xeral de Costas e este Servizo Provincial- existen causas abondo para decretar a caducidade da concesión da empresa ENCE; e non debería esquecer este Servizo Provincial que o Regulamento Xeral de Costas afirma que non se pode prorrogar unha concesión en tanto existan causas de caducidade ou estas estean en discusión, situación que se da neste caso por estar por rematar o proceso de alegacións e recursos. Neste sentido,

ESIXIMOS:

Que este Servizo Provincial de Costas tome as medidas oportunas para impedir que desde o Goberno central se poida tomar unha decisión tan negativa para a Ría, para a saúde e a calidade de vida da veciñanza e para a economía da comarca, absolutamente incompatíbeis coa presenza do complexo ENCE-ELNOSA no seu actual emprazamento.

Que, tendo en consideración as alegacións dos distintos colectivos que teñen actuado como parte interesada no proceso da caducidade da concesión da empresa ENCE, se reconsidere a actual posición do Servizo de Costas (e da propia Dirección Xeral de Costas) e se estimen como causas da caducidade da antedita concesión todas aquelas que –é o caso do incumprimento xeralizado da esixencia concesional de que os seus vertidos non superen as 20 ppm para o parámetro DBO- non deixan lugar a dúbidas sobre tal caducidade.

E para que conste, asinan en Pontevedra a 18 de decembro de 2015