Os comuneiros de Lourizán súmanse a Ence fóra da ría para sempre

Comunicado da Comunidade de montes de Lourizan:

Este sábado, día 28 de novembro, tivo lugar unha Asemblea Extraordinaria da Comunidade de Montes de Lourizán, na que os comuneiros da parroquia decidiron varias cuestións importantes para o monte veciñal. Pero de entre os puntos da orde do día, cabe resaltar, pola súa transcedencia a nivel social, a votación sobre a conveniencia ou non de sumarse á «fronte anti-Ence», conformada por varias institucións -Deputación de Pontevedra e Concellos de Pontevedra, Poio, Bueu e Vilaboa- e diversos partidos políticos e entidades sociais, veciñais, culturais e ecoloxistas, baixo o lema: «ENCE FÓRA PARA SEMPRE».

Os resultados falan por si mesmos, cun apoio moi maioritario a que a Comunidade de Montes se posicione publicamente contra a permanencia de Ence na Ría máis alá do 2018: os votos a favor cuadriplicaron aos votos en contra.

A falta de referéndum, e aínda que se trata dunha mostra pequena, se extrapolamos os datos a toda a parroquia, considerando que cada comuneiro, que representa a unha unidade familiar, e polo tanto, reflicte o sentir maioritario de cada familia, supón que o rexeitamento á prorroga a Ence en Lourizán é moi maioritario en Lourizán. Isto é lóxico, tendo en conta que os seus veciños son os que máis sufren as consecuencias negativas da presenza da fábrica -saúde, cheiros, medio ambiente, marisqueo, etc- e que tradicionalmente as familias da parroquia vivían do banco marisqueiro, aínda que hoxe en día, cada vez son menos e gañan menos cartos polo seu traballo, debido a Ence e as outras graves agresións sufridas pola praia nos últimos anos: EDAR, recheos ilegais do porto, etc. De feito, cando se instalou a celulosa durante a ditadura franquista, a única resistenza veciñal foi a que exerceron as mariscadoras de Lourizán, e pola que foron detidas e presas.

Por outra parte, isto deixa sen argumentos as voces que nos últimos tempos se veñen escoitando, tanto as relacionadas directamente coa empresa, como cos partidos políticos que defenden os intereses da empresa por enriba do interese xeral, cando afirmaban que os veciños de Lourizán apoiaban maioritariamente a continuidade da fábrica contaminante. Parece claro que os veciños da parroquia, que levan 6 décadas convivindo coa pasteira e cos seus perxuizos, non queren, de maneira moi maioritaria, deixarlle como herdanza ás tres próximas xeneracións o que tiveron que sufrir as tres últimas nas súas carnes, pois fálase dunha posible prórroga de entre 50 e 75 anos.

En calquera caso, que as persoas poidan votar, sempre é unha victoria da democracia, independentemente de cal fora o resultado.