Rajoy concede a prórroga a Ence pero «a loita continúa»
O Ministerio de Medio Ambiente entregoulle esta mañá á ría de Pontevedra á empresa Ence por 60 anos máis. Dúas xeracións de pontevedreses -cando menos- nunca chegarán a ver súas augas libres dunha das fábricas máis contaminantes do Estado. Grande número de colectivos que integran a Plataforma Ence fóra, mantiveron esta tarde unha reunión de urxencia no Consistorio pontevedrés, para facer unha valoración inicial da concesión da prórroga, e acordar manter unha nova reunión mañá, ás 20.00 horas, no Local social da Federación Castelao para fixar as novas estratexias a adoptar, xa que non está todo feito.
A tenente de alcalde, Carme da Silva, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, e o presidente da Federación de veciños Castelao, Juan Loureiro xunto a representantes dos moitos colectivos que integran a plataforma fixeron unha valoración e fixaron o punto actual de defensa da nosa ría.
Carme da Silva explicou que se trata «dunha decisión de envergadura a de hipotecar e condicionar o futuro de Pontevedra durante 60 anos máis». E quixo aclarar que era un acordo «vergoñento» dado que tivo que ser anunciado pola empresa e non polo Goberno do Estado, que é quen outorga esta licenza para facer coa ría o que lle pete.
A tenente de alcalde insistiu a decisión «hipoteca o presente e o futuro da ría, levado a cabo por un goberno en funcións, sen lexitimidade, e que non se atreveron a anunciar antes das eleccións», en clara referencia ao Goberno do Partido Popular, xestionado polo pontevedrés Mariano Rajo.
Quixo insistir en que «pretende regalarlle miles de millóns a Ence a costa do futuro de Pontevedra», e quixo lembrar que nas últimas eleccións os cidadáns se expresaron claramente en contra de Ence, dado que de 25 concelleiros que ten a Corporación municipal, 17 oponíanse nos seus programas á continuidade de Ence na ría.
«Imos utilizar todos os medios á nosa disposición»
«Imos utilizar todos os medios á nosa disposición: sociais, políticos, xudiciais… para facer fronte a esta decisión, que non é firme, ao igual que outras decisións ao respecto de Ence», aclaraba a tenente de alcalde, quen aproveitaba para «facer unh chamamento ao próximo goberno do Estado para que revoque esta decisión».
Recoñeceu a decepción da Plataforma, na que se integra o Goberno Local de Pontevedra, pola decisión tomada en Madrid e porque «o PP puxese en mans da empresa privada toda a maquinaria política e administrativa do Goberno central e da Xunta, en contra dos intereses dos cidadáns de Pontevedra».
Carme da Silva instou ás novas forzas que formarán parte do Goberno do Estado a comprometerse a revocar esta decisión «e evitar que isto sega para adiante».
«Terán que explicarnos as contrapartidas ocultas»
«Terán que explicarnos as contrapartidas ocultas», concluíu a tenente de alcalde antes de pasarlle a palabra ao presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, quen quixo aclarar que «non é unha loita perdida. É unha decisión que ten percorrido, e ímola recurrir». De feito apuntaba que se pode tratar dunha prevaricación ao outorgar unha resolución cando aínda está sub iudice a caducidade da concesión.
Antón Masa fixo un chamamento «a que a sociedade se revele contra esta decisión inxusta e que hipoteca o futuro da ría».
Juan Loureiro, presidente da Federación de Veciños Castelao, quixo pór sobre a mesa o papel do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cooperador necesario para outorgar esta autorización. Lembrou que «en 2009 levaba no seu programa electoral que se comprometía a recuperar a marxe esquerda da ría para todos os pontevedreses; e no ano 2012 dicía o mesmo. Agora terá que explicar aos votantes do Partido Popular por que os engana desa maneira».
«Pelexaremos na rúa»
Instou a non dar «por finiquitada» a loita e «pelexar na rúa».
Entre os asistentes estaba o diputado socialista no Congreso dos Diputados, Guillermo Meijón quen apuntou «a falta de gallardía de tres pontevedreses: Rajoy, Pastor e Rojo que agocharon a súa decisión sobre Ence durante a campaña».