Volkswagen e Ence: tan lonxe e tan perto ….

Salvando as evidentes distancias entre a multinacional xermana e a fábrica de pasta de papel de Lourizán, moi particularmente no que fai aos postos de traballo, inversións e incidencia no PIB que xeran unha e outra –aspectos nos que a balanza inclínase de forma aplastantemente
favorábel á fábrica de automóbiles- teñen a VolksWagen e ENCE certas similitudes.

En efecto, ambas as dúas empresas utilizan a fraude no control das emisións; no primeiro caso o dos seus automóbiles e cun método máis ou menos sofisticado (alterando o software dos seus prototipos), e mediante artimañas no xeito de expresar os resultados dos seus vertidos á
Ría no caso de ENCE, un método moito máis groseiro que consiste en expresalos só como carga contaminante (en Kg/día) e non en mg/L como esixe a lexislación. Trata de enmascarar así o incumprimento da Lei para DQO (Demanda Química de Osíxeno), SS (Sólidos en Suspensión) e –en menor medida- DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) e, xa que logo, a súa responsabilidade na forte degradación ambiental das augas da Ría e os cultivos marisqueiros. E ambas as dúas empresas contan coa complicidade das respectivas administracións
competentes, unha complicidade que –no caso de ENCE- tradúcese na concesión dunha AAI que permite esta práctica fraudulenta e que non considera a contaminación bacteriana a pesar da evidencia de concentracións elevadísimas de coliformes no seu vertido.

Pero hai máis similitudes entre estas dúas empresas; descuberta a fraude, botan man da chantaxe contra a poboación e –lonxe de asumir a súa culpabilidade- ameazan con frear as inversións previstas, con aumentar os despedimentos ou mesmo co peche das fábricas.

Coidado con esixir o cumprimento no terreo ambiental porque na nosa man está o aumento da crise e o paro… E os gobernos alemán e español –entre outros- xa están a advertir á poboación destes perigos!

Hai poucos días, o director de ENCE-Pontevedra ameazaba de novo á cidadanía para conseguir a prórroga inmediata da súa concesión; e botaba man do tan cacarexado coma falso argumento da imposibilidade do traslado e con poñer fin ás inversións previstas en Lourizán,
inversións e traslado que deberían ter sido a súa preocupación nos 50 anos que levan contaminando a nosa Ría, destruíndo os recursos naturais, e estragando a calidade de vida e a economía da comarca.

E aseguran estar dispostos a cumprir “as maiores exixencias” para quedarse; a que se refiren? Acaso ao prometido “olor cero” que xa prometeron no 1991 e que máis recentemente aseguraron ía ser realidade no 2014?

O Sr. Casal di que en ENCE necesitan investir; nós dicimos que Pontevedra quere vivir libre da súa contaminación, que o único comunicado que agardamos de ENCE é o que anuncie o fin da súa actividade na nosa Ría e a única inversión a do seu desmantelamento e recuperación de
Lourizán para uso e disfrute da cidadanía.

Pontevedra, 14 de outubro de 2015
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.