Presentación do Libro branco

O Libro branco de Ence, as principais verdades da fábrica en 80 preguntas

A sede da Federación de Veciños Castelao foi o lugar de presentación do Libro branco de Ence nun acto no que estiveron presentes todos un variado número de colectivos, asociacións, entidades e institucións que apoian a Campaña de “Ence fóra da ría para sempre“. O presidente de Castelao, Juan Lourenzo e o presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, APDR, Antón Masa explicaron en que consiste esta publicación e deron claves para o desenvolvemento futuro da campaña.

O Libro branco de Ence consta de 84 preguntas que recordan que a fábrica foi instalada polo INI en plena ditadura franquista, en 1958. Unha decisión á que se opuxeron os veciños -con violentos altercados coa policía de entón- e que a día de hoxe causou grandes danos no imaxinario colectivo dado que unha grande parte da poboación de Pontevedra e da súa comarca non coñeceron nunca Lourizán sen Celulosas.

Tamén se recollen outros datos da fábrica como que paga o imposto de sociedades -o máis cuantioso- en Madrid; a contaminación ao aire e por verquidos; recórdase que foi condenada por Delito ecolóxico; que consume 12 millóns de litros de auga ao ano, mentres que os concellos da ría só 8; que paga 900.000 euros de canons de auga e saneamento e só o Concello de Pontevedra paga 2,5 millóns; que debería estar pagando por estes dous conceptos 10 millóns de euros ao ano, e non 900.000 euros; que crea só o 1,1 % dos postos de traballo do Concello de Pontevedra, se é que todos os seus traballadores vivisen na cidade.

Abórdase tamén a relación co monte transformado en plantacións para a factoría que paga a prezo de saldo e que acabou coa desertización do monte, cos conseguintes problemas de mantemento e conservación.

Outro dos temas introducidos no libro é a situación urbanística do complexo no que se revelan todos os intentos da Xunta polo arranxo da situación legal de Ence ao ditar unha supramunicipalidade ou tratar de incluílo no Porto de Marín.

“Xa está ben”

Juan Lourenzo afirmou que “xa está ben” de seguir padecendo a fábrica aí “Pontevedra e a comarca xa pagamos o que tiñamos que pagar”.

Pola súa banda, o presidente da APDR, Antón Masa asegurou que a unión e o traballo en equipo “son pezas fundamentais para o éxito da campaña” que non é outra cousa que impedir que o Goberno do Estado lle prorrogue a concesión a Ence, mentres está en funcións.

Asegurou que nesta campaña “Ence e o PP téñense que sentir acosados”.

Juan Lourenzo e Antón Masa compartiron comparecencia co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o portavoz do Grupo socialista no Concello, Agustín Fernández. Este último asegurou que “hai momentos na vida das cidades que marcan a súa historia e o seu futuro, e agora temos a posibilidade de loitar para que o futuro sexa distinto porque se perdemos, perdemos os pontevedreses”. “Temos un camiño duro, porque o inimigo é duro, pero cheo de esperanza”, concluíu Agustín Fernández.

O alcalde Fernández Lores, pola súa banda, indicou que “hai que loitar pola deslocalización da empresa e temos que loitar pola recuperación da ría, pola posta en valor do monte, dos postos de traballo vinculados ao sector primario e terciario, a recuperación da praia de Lourizán e o Pazo de Montero Ríos”.

Recordou que a campaña de bondades que está a realizar a empresa na cidade “é en interese dos membros do consello de administración e dos accionistas que sacan un valor impresionante por estar aí”, e tamén augurou que unha vez que o Estado lle prorrogue a concesión e estea consolidada na ría por 50 anos máis “o número de postos de traballo vai a baixar” ao igual que xa pasou noutras empresas comezarán as regulacións do emprego e os despidos.

Finalmente concluíu con que é un agravio comparativo que a empresa Ence se lle dean todas as vantaxes para realizar o seu traballo e calquera outro emprendedor non ten tantas facilidades como eles.