Colectivos socias e grupos municipais, xuntos nunha campaña contra a prórroga de Ence
O Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSdeG-PSOE e Marea da man de asociacións veciñais, ecoloxistas, profesionais, de comunidades de montes e colectivos cidadáns poñen en marcha unha campaña contra a permanencia do complexo de Ence en Lourizán e pola recuperación da ría de Pontevedra.
Trátase dunha campaña multimedia baseada nun identificador gráfico que pode ser utilizado por calquera persoa que desexe manifestar a súa opinión a prol da recuperación da ría. Ese identificador pode funcionar cun eslogan como “Ence fóra para sempe” ou só, xa que está concibido para utilizalo das dúas maneiras.
Entre os fitos da campaña atópanse a realización dunha páxina web que será presentada nos póximos días, a publicación dun “Libro Branco sobre Ence”, con sinxelas preguntas e respostas sobre a realidade da empresa e a contestación legal e social que tivo e ten, e unha xanela electrónica para que a cidadanía imaxine Lourizán sen a fábrica. Tamén está prevista a participación de artistas plásticos que poidan contribuír con algunha obra
para financiar a campaña.
“Ence fóra para sempre”, “Ence fóra da ría” ou “fóra para sempre” son algúns dos lemas dunha campaña que ten como obxectivo unha ampla mobilización social, explícita e contundente, para tentar frear a inminente decisión do Goberno do Estado e da Xunta (os dous do PP) de prorrogar a concesión de Ence en Lourizán por outros 50 anos, que poderían ser ata 60 coa actual Lei de Costas. Unha “agasallo” a compañía que podería facerse antes das eleccións xerais do próximo 20 de decembro. “Por que tanta présa se a concesión vence no 2018? Por que un Goberno case en funcións quere hipotecar a ría outros 50 anos máis?” preguntouse o presidente da Federación veciñal Castelao, José Loureiro, na presentación do avance da nova campaña de mobilización.
“Só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga” manteñen os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío. En xogo está o futuro da ría, de todos nós e dos nosos fillos, evitar que a pasteira permaneza na enseada de Lourizán “é unha responsabilidade de todos” engadiu o alcalde Miguel Fernández Lores quen anima ás cidadáns de Pontevedra e da comarca a dicir Non a permanencia de Ence en Lourizán e mobilizarse ata acadar o obxectivo.