Manifestación da Plataforma Ence fóra da ría para sempre.

Aplastante contestación social a favor de que Ence abandone a ría

Milleiros de persoas deixaron onte claro, nas rúas de Pontevedra, que Ence ten que marchar da ría para que os pontevedreses poidan recuperar o que é seu: a súa praia, o seu marisqueo, os seus deportes náuticos.

Onte milleiros de persoas dixeron sí á ría de Pontevedra, e non a Ence.

Este foi o seu manifesto:

Aquí estamos, nenas e nenos, pais e nais, amigas e amigos. Amantes da terra, do aire, dos ríos e océanos, da choiva e os bosques.

Aquí estamos as veciñas e veciños de Pontevedra, os que a queremos por enriba de todo, por enriba incluso de nós mesmos, decindo máis unha vez Non ao tumor de Lourizán.

Chegamos de Marcón, de Verducido, de Sanxenxo, de Marín, de Combarro, de Bueu, de Poio, de Ponte Caldelas, do Candán, de Barro, de Arcade, de Toda a ría, de todos os recunchos e vales do interior, de toda a Pontevedra capital e as Terras de Pontevedra, que forman parte do noso ser e da nosa vida.

Somos galegas e os galegos que queremos un país rico, produtivo, frondoso, diverso e no que pague moito a pena vivir reconciliados co planeta e coa marabillosa natureza que nos arrodea.

 

Somos xentes aquecidas pola indignación, pola raiba de ver cómo o diñeiro, a avaricia e a corrupción á que tanto ulen as cloacas do Estado, regalou a uns cuantos ricachóns amigos do Partido Popular, unha parte irrenunciable da nosa alma.

Fixeronlles unha lei á medida, favorecendo o interese dunha empresa contaminante, contra a opinión da inmensa maioría do pobo.

Permítenlles seguir espoliando os recursos do país dun xeito miserable, dedicando a ría a producir capital para uns poucos impedindo o seu despegue marisqueiro, pesqueiro e turístico. 

Mantendo esa lousa negra sobre o rexurdir de Pontevedra, coa súa imaxe sempre baixo a sombra deste noxo.

Son días tristes para Pontevedra, especialmente cando un veciño desta cidade, Mariano Rajoy, impulsa esta aldraxe de 60 anos máis soportando semellante porquería ás portas do mar, en plena ría.

Un clarísimo exemplo de corruptelas e inmundicias. Moi semellante ao aspecto que ofrece a fábrica, unha morea de tubos fumegantes e conexións entre pozos de veneno.

Estamos convencidos de que tras esta escura decisión, opaca, sen luz nen taquígrafos, hai enormes cantidades de capital repartido entre xentes envilecidas polo diñeiro. 

Como vemos cada día nos telexornais, son auténticos especialistas en mercar vontades e practicar a inmoralidade e a corrupción, só ás veces detectada polo sistema xudicial.

Iso é o que pensamos as veciñas e veciños de Pontevedra da enorme hipoteca sobre a nosa paisaxe, sobre a nosa ría, sobre as nosas vidas, contra a inmensa maioría da Corporación, sen que nós poidamos decidir nada porque Fraga, roubounos hai anos ese dereito.

 

Pero nós non imos parar. Queremos recuperar a nosa paisaxe, a nosa cidade, a nosa ría.

Temos folgos de sobra para seguir, e seguiremos reclamando o que é xusto, proporcionado e acaído co medio natural e o Planeta.

Seguiremos en pé por uns bosques diversos e ricos, sen abafantes monocultivos ruína da paisaxe.

Seguiremos esta loita diaria, viva e incansábel contra os delincuentes ecolóxicos, contra a soberbia do poder, contra o a intervención das grandes empresas na política, contra o trágao que Pontevedra xa leva medio século aguantando desde que Ence chegou á nosa ría protexida polos fusís do franquismo.

Seguiremos firmes ata que Pontevedra deixe de cheirar a Celulosas, ata que ese cheiro a ovos podres e esa paisaxe de fumes e ferros deixe de definir á nosa cidade ante todo o que pasa pola autoestrada.

Daremos novas leccións ao mundo, como as que nos están situando como exemplo do que deben ser as cidades sustentables, ecolóxicas, reconciliadas coa natureza, comprometidas co Planeta.

Coa mesma enerxía, tranquilos pero decididos, sacaremos Ence de Lourizán e demostraremos que hai outra maneira de vivir da ría, de desenvolver o noso territorio en harmonía co medio e con miras aos amplos horizontes, non ás estreitas aspiracións dos corruptos e os ladróns de guante branco.

Seremos quen de revertir esta vil maneira de facer política cheirenta, agochada da luz, lonxe da intelixencia e sinónimo de vileza e cobardía.

Ence, fóra da ría para sempre!

Ver máis imaxes en: Outras fotos.