«A Xunta deu un paso máis para soportar ese adefesio contaminante na nosa ría»
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado de Antón Masa, presidente da APDR e do presidente da Federación de Veciños Castelao, Juan Lorenzo compareceron onte en dependencias municipais para denunciar que a Xunta acaba de «dar un paso máis na estratexia de consolidar a Ence na ría para sempre, coa idea de condear aos veciños de Pontevedra a soportar ese adefesio contaminante por 70 anos máis».
O alcalde lembrou que a Xunta puido tomar medidas contra esa situación a través dos instrumentos urbanísticos que ela mesma ten como as Directrices de Ordenación do Territorio ou do Plan de Ordenación de Litoral (POL) «pero non se fixo nada porque hai conformidade entre os intereses do Partido Popular e Ence». Como é sabido no Consello de Administración de Ence hai dúas persoas que ocuparon relevantes cargos dentro das administracións do Partido Popular e seguen a militar nese partido: Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente con Aznar, e Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Fraga.
«Se por fin se perpetra a prórroga de Ence, a empresa aforra 1.000 millóns de euros para facer unha nova fábrica noutro lugar; e outras prevendas como a condonación do canon da auga. Pero fronte a esta situación optan por seguir invadindo a nosa ría, e ocupan tres veces o que é o centro histórico de Pontevedra», comparaba o alcalde, quen lembro que «os pontevedreses temos dereito a ter unha ría limpa, descontaminada e rendible, para todos e para a saúde dos pontevedreses».
Antón Masa
O presidente da APDR, Antón Masa explicou que «aínda que esperada, non por iso é unha noticia admitida con agrado, máis todo o contrario». Segundo manifestou «é unha mostra de que a Xunta actúa ao ditado de Ence e non é de extrañar tendo en conta que o director da fábrica está casado cunha alto cargo da carteira de Medio Ambiente na Xunta de Galicia».
Quixo lembrar que «Ence é ilegal porque incumpre a lexislación de verquidos de efluentes á ría». Polo que si Costas acaba concedendo a prórroga «estaría prevaricando».
Juan Lorenzo
O presidente da Federación de Veciños Castelao, Juan Lorenzo explicou que «o PP segue a súa folla de ruta», pero lle lembrou que «hai catro anos tivo máis votos cando se posicionou en contra de Ence».
Nun encontro organizado por premura ante a noticia de que a Xunta enviara á Costas o informe positivo para a prórroga da pasteira, acordouse celebrar unha reunión conxunta o luns, 16 de novembro, ás 20.00 horas na Federación de Veciños Castelao para analizar a situación da campaña Ence fóra, e estudar novas accións de futuro.