A violencia dos traballadores de ENCE/ELNOSA sube de nivel

As ameazas verbais sufridas por membros de corporacións locais de Pontevedra e da súa comarca deron un paso máis adiante: un grupo de persoas que se presentaron como traballadores de ENCE proferiron ameazas e provocacións a noite do martes 17, ao tempo que retiraban cartaces de ENCE FÓRA, coincidindo cun grupo da Asociación Pola Defensa da Ría que estaba colocando bandeirolas da campaña conxunta “ENCE FÓRA DA RÍA PARA SEMPRE”. As chamadas a respectar a liberdade de expresión dando como exemplo o respecto das bandeirolas dos traballadores de ELNOSA foron contestadas con máis provocacións rematando en empurróns contra un membro da Asociación Pola Defensa da Ría que caeu golpeando contra o chan mentres continuaban na súa tarefa.
Dende a APDR fíxose denuncia pública da actitude dos traballadores de ENCE e ELNOSA: “A forza bruta fronte á forza da razón, perdendo toda lexitimidade na defensa dos seus postos de traballo; pero tamén a da empresa pasteira de Lourizán que, ao tempo que amosa unha cara amábel coa súa mentireira e edulcorada propaganda, anima a agresividade dos seus traballadores cara a aquelas persoas que –de forma pacífica e lexítima- expresamos as nosas ideas contrarias á permanencia de ENCE e ELNOSA na Ría e loitamos pola recuperación do noso medio en beneficio da cidadanía e das persoas que teñen na explotación racional dos recursos o seu medio de vida”.