Charla-Coloquio: “ENCE fóra para sempre”. Venres 6 de novembro ás 20:30h. na Biblioteca de Marín

A A.C. Almuinha organiza este acto dentro da campaña “ENCE fóra para sempre” na que participan máis dunha trintena de organizacións do máis variado: organizacións políticas, asociacións ecoloxistas, asociacións de veciños, asociacións culturais… co obxectivo de informar da situación actual do complexo ENCE-Elnosa así como da propia campaña que ven de iniciarse. E para isto contaremos coa presenza de Antón Masa (APDR) e Juan Loureiro (Presidente da FAV Castelao de Pontevedra).

Aproveitamos para convidar a toda a cidadanía a que asista e participe do acto, pois o tema é dabondo importante e topámonos nun momento de especial importancia de cara a ver como queremos que sexa a nosa ría no futuro máis próximo.

A propósito de Ence

Ver artigo de Antón Roel Villanueva: A propósito de Ence

“Dende aquela xanela a praza da Ferrería semellaba un mar de crisantemos co mercado de flores de defuntos, namentras no solpor nas ourelas do Gafos as caveiras acendidas na noite dos calacús como se fose un desfile de vagalumes, mentras caen as follas paseniñamente nun manto de cores é na pola dun Freixo un Xilgaro… Que doado escreber da fermosura do outono na cidade pero non hai tempo para o romaticismo e témolo que facer sobor de Ence.

Esgótasenos o tempo, non é momento de dúbidas se temos que decidir se o que queremos é a fábrica de Ence no actual emprazamento é que siga a contamiñar a ría. Non podemos agardar a que nos saquen as castañas do lume nin de siglas nin bandeiras, somos nós a cidadanía os que podemos evitalo se nos mobilizamos axiña.

Non podemos deixar a novas xeracións unha ría pior da que nos deixaron os nosos antergos que entenderon que a ría era un agasallo da natureza que sempre estivo aí antes de non existir e que temos a obriga de deixala tal como a atopamos. Sería moi doada para moita xente da miña xeración que pese a que eran tempos moi duros desfurtamos dunha ría sen contaminación e bañámonos na praia dos Praceres e no río dos Gafos na parte que agora esta soterrada é dicir que os que veñan detrás se apañen pois a nós xa nos queda pouco. Pero… a nosa conciencia non nolo ía permitir.

Xa aguantamos moito tempo con ela cincuenta anos e toda unha vida e nós xa a sufrimos dabondo, temos que lembrar que foi condenada por delito ecolóxico continuado. Non vai ser doado sacala dese lugar privilexiado pois o capitalismo cando hai cartos non ten sentimentos e non lle importa o que queiran os veciños e non vai ter escrúpulos como xa fixeron noutro tempo cas pobriñas das mariscadoras cando as botaron do seu lugar de traballo por defender o pan dos seus fillos.

A nosa xeración temos a obriga de explicarlles a os novos que naceron ca fábrica aí como se sempre estivese formando parte da ría que ese lugar era un paraíso cheo de vida con areais e praias para o lecer e fonte de riqueza para moitos veciños e veciñas que vivían del coa pesca e o marisqueo e abondosas hortas e cando chegou a fábrica foi a ruina pois xa non había vida na ría e as colleitas murchaban nas leiras polo fume e a contaminación e tiveron que emigrar.

Todos tiñamos moi claro, veciños, traballadores e empregados, que a estancia da factoría nese espazo tiña data de caducidade. Con cartos se poden mercar vontades e privilexios que o que fan e enfrontar e dividir familias, veciños e traballadores cun único beneficado que é o capital, eu non estou contra este tipo de industrias, pero nós xa aturamos con ela á forza moito tempo. Xa é hora de deixar a ría tal como estaba. Os directivos tiñan que decatarse que ese xa non é un espazo axeitado para ese tipo de industrias e que hai unha maioría da poboación que queremos que se vaia e non é bo para calquer empresa estar nun sitio onde non os queiran.

Poderán quedar pola forza per non no noso nome.

E niso estamos ás portas de novembro co fumegar das locomotoras de asar as castañas, asiña han florecer os camelios e lirios cando no ceo xa non quedan estorniños”.

http://pontevedraviva.com/opinion/1935/proposito-ence-anton-roel-opinion/

 

Audios da presentación do Libro Branco de ENCE

Escoitar audios da presentación do Libro Branco editados en: http://pontevedraviva.com/xeral/23649/libro-branco-ence-movemento-social-continuidade-fabrica/

 

Juan Manuel Loureiro. Presidente da Federación Castelao

CC BY-NC-SA PontevedraViva

 

Antón Masa. Presidente da APDR

CC BY-NC-SA PontevedraViva

Agustín Fernández. Portavoz do grupo municipal do PsdG-PSOE

CC BY-NC-SA PontevedraViva

Miguel Anxo Fernández Lores. Alcalde de Pontevedra

CC BY-NC-SA PontevedraViva

 

 

O Libro branco de Ence, as principais verdades da fábrica en 80 preguntas

A sede da Federación de Veciños Castelao foi o lugar de presentación do Libro branco de Ence nun acto no que estiveron presentes todos un variado número de colectivos, asociacións, entidades e institucións que apoian a Campaña de “Ence fóra da ría para sempre“. O presidente de Castelao, Juan Lourenzo e o presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, APDR, Antón Masa explicaron en que consiste esta publicación e deron claves para o desenvolvemento futuro da campaña.

O Libro branco de Ence consta de 84 preguntas que recordan que a fábrica foi instalada polo INI en plena ditadura franquista, en 1958. Unha decisión á que se opuxeron os veciños -con violentos altercados coa policía de entón- e que a día de hoxe causou grandes danos no imaxinario colectivo dado que unha grande parte da poboación de Pontevedra e da súa comarca non coñeceron nunca Lourizán sen Celulosas.

Tamén se recollen outros datos da fábrica como que paga o imposto de sociedades -o máis cuantioso- en Madrid; a contaminación ao aire e por verquidos; recórdase que foi condenada por Delito ecolóxico; que consume 12 millóns de litros de auga ao ano, mentres que os concellos da ría só 8; que paga 900.000 euros de canons de auga e saneamento e só o Concello de Pontevedra paga 2,5 millóns; que debería estar pagando por estes dous conceptos 10 millóns de euros ao ano, e non 900.000 euros; que crea só o 1,1 % dos postos de traballo do Concello de Pontevedra, se é que todos os seus traballadores vivisen na cidade.

Abórdase tamén a relación co monte transformado en plantacións para a factoría que paga a prezo de saldo e que acabou coa desertización do monte, cos conseguintes problemas de mantemento e conservación.

Outro dos temas introducidos no libro é a situación urbanística do complexo no que se revelan todos os intentos da Xunta polo arranxo da situación legal de Ence ao ditar unha supramunicipalidade ou tratar de incluílo no Porto de Marín.

“Xa está ben”

Juan Lourenzo afirmou que “xa está ben” de seguir padecendo a fábrica aí “Pontevedra e a comarca xa pagamos o que tiñamos que pagar”.

Pola súa banda, o presidente da APDR, Antón Masa asegurou que a unión e o traballo en equipo “son pezas fundamentais para o éxito da campaña” que non é outra cousa que impedir que o Goberno do Estado lle prorrogue a concesión a Ence, mentres está en funcións.

Asegurou que nesta campaña “Ence e o PP téñense que sentir acosados”.

Juan Lourenzo e Antón Masa compartiron comparecencia co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o portavoz do Grupo socialista no Concello, Agustín Fernández. Este último asegurou que “hai momentos na vida das cidades que marcan a súa historia e o seu futuro, e agora temos a posibilidade de loitar para que o futuro sexa distinto porque se perdemos, perdemos os pontevedreses”. “Temos un camiño duro, porque o inimigo é duro, pero cheo de esperanza”, concluíu Agustín Fernández.

O alcalde Fernández Lores, pola súa banda, indicou que “hai que loitar pola deslocalización da empresa e temos que loitar pola recuperación da ría, pola posta en valor do monte, dos postos de traballo vinculados ao sector primario e terciario, a recuperación da praia de Lourizán e o Pazo de Montero Ríos”.

Recordou que a campaña de bondades que está a realizar a empresa na cidade “é en interese dos membros do consello de administración e dos accionistas que sacan un valor impresionante por estar aí”, e tamén augurou que unha vez que o Estado lle prorrogue a concesión e estea consolidada na ría por 50 anos máis “o número de postos de traballo vai a baixar” ao igual que xa pasou noutras empresas comezarán as regulacións do emprego e os despidos.

Finalmente concluíu con que é un agravio comparativo que a empresa Ence se lle dean todas as vantaxes para realizar o seu traballo e calquera outro emprendedor non ten tantas facilidades como eles.

Colectivos socias e grupos municipais, xuntos nunha campaña contra a prórroga de Ence

O Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSdeG-PSOE e Marea da man de asociacións veciñais, ecoloxistas, profesionais, de comunidades de montes e colectivos cidadáns poñen en marcha unha campaña contra a permanencia do complexo de Ence en Lourizán e pola recuperación da ría de Pontevedra.

Trátase dunha campaña multimedia baseada nun identificador gráfico que pode ser utilizado por calquera persoa que desexe manifestar a súa opinión a prol da recuperación da ría. Ese identificador pode funcionar cun eslogan como “Ence fóra para sempe” ou só, xa que está concibido para utilizalo das dúas maneiras.

Entre os fitos da campaña atópanse a realización dunha páxina web que será presentada nos póximos días, a publicación dun “Libro Branco sobre Ence”, con sinxelas preguntas e respostas sobre a realidade da empresa e a contestación legal e social que tivo e ten, e unha xanela electrónica para que a cidadanía imaxine Lourizán sen a fábrica. Tamén está prevista a participación de artistas plásticos que poidan contribuír con algunha obra
para financiar a campaña.

“Ence fóra para sempre”, “Ence fóra da ría” ou “fóra para sempre” son algúns dos lemas dunha campaña que ten como obxectivo unha ampla mobilización social, explícita e contundente, para tentar frear a inminente decisión do Goberno do Estado e da Xunta (os dous do PP) de prorrogar a concesión de Ence en Lourizán por outros 50 anos, que poderían ser ata 60 coa actual Lei de Costas. Unha “agasallo” a compañía que podería facerse antes das eleccións xerais do próximo 20 de decembro. “Por que tanta présa se a concesión vence no 2018? Por que un Goberno case en funcións quere hipotecar a ría outros 50 anos máis?” preguntouse o presidente da Federación veciñal Castelao, José Loureiro, na presentación do avance da nova campaña de mobilización.

“Só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga” manteñen os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío. En xogo está o futuro da ría, de todos nós e dos nosos fillos, evitar que a pasteira permaneza na enseada de Lourizán “é unha responsabilidade de todos” engadiu o alcalde Miguel Fernández Lores quen anima ás cidadáns de Pontevedra e da comarca a dicir Non a permanencia de Ence en Lourizán e mobilizarse ata acadar o obxectivo.