Isabel Tocino, un exemplo de portas xiratoria ENCE – PP, o sábado xunto a Rajoy no Bernabeu

Este pasado sábado 21 de novembro ISABEL TOCINO compartiu o palco do estadio Bernabeu (Madrid-Barça) xunto a Mariano Rajoy e outros membros do actual goberno do PP, no momento crucial na que a empresa está a demandar á administración central a prórroga da concesión en Lourizán máis aló de 2018 antes dun futurible cambio de goberno despois das eleccións xerais de decembro de 2015.
Isabel Tocino, actual Conselleira da Dirección de ENCE, é un bo exemplo das persoas que utilizaron claramente a porta xiratoria: ex ministra de Medio Ambiente no goberno de José María Aznar o período 1996-2000.

José Carlos del Álamo, Conselleiro da Dirección de ENCE, tamén é outro exemplo:
– Director de montes e Medio Ambiente natural da Xunta de galicia (1990-1996)
– Director xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente e vicepresidente do Organismo Autónomo de Parques Nacionais en xuño de 1996
– Conselleiro de Medio Ambiente (1997-20039) no goberno de Fraga. No 2002 nomeou como Subdirectora Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia a María José Echevarria (casada con Antonio Casal, actual Director da fábrica ENCE-Pontevedra e irmá de Amaya Echevaría Moreno, responsábel industrial de ELNOSA)

Rajoy-Tocino_Bernabeu.21.11.15

Fotos orixinais:
EFE. En: http://www.elconfidencial.com/deportes/futbol/liga/2015-11-22/clasico-real-madrid-fc-barcelona-mariano-rajoy-palco_1103774/
Pep Morata – MD. En: http://www.mundodeportivo.com/futbol/el-clasico-barca-real-madrid/20151124/30359216546/rajoy-a-bartomeu-sois-mejores-que-nosotros.html

A violencia dos traballadores de ENCE/ELNOSA sube de nivel

As ameazas verbais sufridas por membros de corporacións locais de Pontevedra e da súa comarca deron un paso máis adiante: un grupo de persoas que se presentaron como traballadores de ENCE proferiron ameazas e provocacións a noite do martes 17, ao tempo que retiraban cartaces de ENCE FÓRA, coincidindo cun grupo da Asociación Pola Defensa da Ría que estaba colocando bandeirolas da campaña conxunta “ENCE FÓRA DA RÍA PARA SEMPRE”. As chamadas a respectar a liberdade de expresión dando como exemplo o respecto das bandeirolas dos traballadores de ELNOSA foron contestadas con máis provocacións rematando en empurróns contra un membro da Asociación Pola Defensa da Ría que caeu golpeando contra o chan mentres continuaban na súa tarefa.
Dende a APDR fíxose denuncia pública da actitude dos traballadores de ENCE e ELNOSA: “A forza bruta fronte á forza da razón, perdendo toda lexitimidade na defensa dos seus postos de traballo; pero tamén a da empresa pasteira de Lourizán que, ao tempo que amosa unha cara amábel coa súa mentireira e edulcorada propaganda, anima a agresividade dos seus traballadores cara a aquelas persoas que –de forma pacífica e lexítima- expresamos as nosas ideas contrarias á permanencia de ENCE e ELNOSA na Ría e loitamos pola recuperación do noso medio en beneficio da cidadanía e das persoas que teñen na explotación racional dos recursos o seu medio de vida”.

Reparto do Libro Branco na rúa

A campaña que loita contra a permanencia de Ence en Lourizán tivo esta mañá unha nova acción pública co reparto do libro branco e distinto material da campaña nas rúas máis céntricas da cidade. Neste reparto participaron un grande número de representantes das entidades e colectivos integrados na Plataforma Ence fóra da ría para sempre.

“A Xunta deu un paso máis para soportar ese adefesio contaminante na nosa ría”

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado de Antón Masa, presidente da APDR e do presidente da Federación de Veciños Castelao, Juan Lorenzo compareceron onte en dependencias municipais para denunciar que a Xunta acaba de “dar un paso máis na estratexia de consolidar a Ence na ría para sempre, coa idea de condear aos veciños de Pontevedra a soportar ese adefesio contaminante por 70 anos máis”.

O alcalde lembrou que a Xunta puido tomar medidas contra esa situación a través dos instrumentos urbanísticos que ela mesma ten como as Directrices de Ordenación do Territorio ou do Plan de Ordenación de Litoral (POL) “pero non se fixo nada porque hai conformidade entre os intereses do Partido Popular e Ence”. Como é sabido no Consello de Administración de Ence hai dúas persoas que ocuparon relevantes cargos dentro das administracións do Partido Popular e seguen a militar nese partido: Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente con Aznar, e Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Fraga.

“Se por fin se perpetra a prórroga de Ence, a empresa aforra 1.000 millóns de euros para facer unha nova fábrica noutro lugar; e outras prevendas como a condonación do canon da auga. Pero fronte a esta situación optan por seguir invadindo a nosa ría, e ocupan tres veces o que é o centro histórico de Pontevedra”, comparaba o alcalde, quen lembro que “os pontevedreses temos dereito a ter unha ría limpa, descontaminada e rendible, para todos  e para a saúde dos pontevedreses”.

Antón Masa

O presidente da APDR, Antón Masa explicou que “aínda que esperada, non por iso é unha noticia admitida con agrado, máis todo o contrario”. Segundo manifestou “é unha mostra de que a Xunta actúa ao ditado de Ence e non é de extrañar tendo en conta que o director da fábrica está casado cunha alto cargo da carteira de Medio Ambiente na Xunta de Galicia”.

Quixo lembrar que “Ence é ilegal porque incumpre a lexislación de verquidos de efluentes á ría”. Polo que si Costas acaba concedendo a prórroga “estaría prevaricando”.

Juan Lorenzo

O presidente da Federación de Veciños Castelao, Juan Lorenzo explicou que “o PP segue a súa folla de ruta”, pero lle lembrou que “hai catro anos tivo máis votos cando se posicionou en contra de Ence”.

Nun encontro organizado por premura ante a noticia de que a Xunta enviara á Costas o informe positivo para a prórroga da pasteira, acordouse celebrar unha reunión conxunta o luns, 16 de novembro, ás 20.00 horas na Federación de Veciños Castelao para analizar a situación da campaña Ence fóra, e estudar novas accións de futuro.

Charla-Coloquio en BUEU: “ENCE fóra para sempre”. Xoves 12 de novembro ás 20:30h na Sala Amalia Dominguez Búa

Presentación da campaña “ENCE fóra para sempre” na que participan máis dunha trintena de organizacións do máis variado: organizacións políticas, asociacións ecoloxistas, asociacións de veciños, asociacións culturais… co obxectivo de informar da situación actual do complexo ENCE-Elnosa así como da propia campaña que ven de iniciarse. E para isto contaremos coa presenza de Antón Masa (APDR) e Juan Loureiro (Presidente da FAV Castelao de Pontevedra).

Aproveitamos para convidar a toda a cidadanía a que asista e participe do acto, pois o tema é dabondo importante e topámonos nun momento de especial importancia de cara a ver como queremos que sexa a nosa ría no futuro máis próximo.

As portas xiratorias e ENCE

É moi relevante o paso de cargos da administración pública (especialmente do PP) ao Consello de Administración de ENCE:

  • José Carlos del Álamo (ex-conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia)
  • Isabel Tocino Biscarolasaga (ex-ministra de Medio Ambiente)
  • Pascual Fernández Martínez (ex-secretario de estado de Augas e Costas)

E significativo os lazos familiares:

  • María José Echevarría (subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia) casada con Antonio Casal (director da fábrica Ence-Pontevedra), e a presenza de persoas claves do poder político e empresarial (ver Libro Branco de Ence)

Volkswagen e Ence: tan lonxe e tan perto ….

Salvando as evidentes distancias entre a multinacional xermana e a fábrica de pasta de papel de Lourizán, moi particularmente no que fai aos postos de traballo, inversións e incidencia no PIB que xeran unha e outra –aspectos nos que a balanza inclínase de forma aplastantemente
favorábel á fábrica de automóbiles- teñen a VolksWagen e ENCE certas similitudes.

En efecto, ambas as dúas empresas utilizan a fraude no control das emisións; no primeiro caso o dos seus automóbiles e cun método máis ou menos sofisticado (alterando o software dos seus prototipos), e mediante artimañas no xeito de expresar os resultados dos seus vertidos á
Ría no caso de ENCE, un método moito máis groseiro que consiste en expresalos só como carga contaminante (en Kg/día) e non en mg/L como esixe a lexislación. Trata de enmascarar así o incumprimento da Lei para DQO (Demanda Química de Osíxeno), SS (Sólidos en Suspensión) e –en menor medida- DBO (Demanda Bioquímica de Osíxeno) e, xa que logo, a súa responsabilidade na forte degradación ambiental das augas da Ría e os cultivos marisqueiros. E ambas as dúas empresas contan coa complicidade das respectivas administracións
competentes, unha complicidade que –no caso de ENCE- tradúcese na concesión dunha AAI que permite esta práctica fraudulenta e que non considera a contaminación bacteriana a pesar da evidencia de concentracións elevadísimas de coliformes no seu vertido.

Pero hai máis similitudes entre estas dúas empresas; descuberta a fraude, botan man da chantaxe contra a poboación e –lonxe de asumir a súa culpabilidade- ameazan con frear as inversións previstas, con aumentar os despedimentos ou mesmo co peche das fábricas.

Coidado con esixir o cumprimento no terreo ambiental porque na nosa man está o aumento da crise e o paro… E os gobernos alemán e español –entre outros- xa están a advertir á poboación destes perigos!

Hai poucos días, o director de ENCE-Pontevedra ameazaba de novo á cidadanía para conseguir a prórroga inmediata da súa concesión; e botaba man do tan cacarexado coma falso argumento da imposibilidade do traslado e con poñer fin ás inversións previstas en Lourizán,
inversións e traslado que deberían ter sido a súa preocupación nos 50 anos que levan contaminando a nosa Ría, destruíndo os recursos naturais, e estragando a calidade de vida e a economía da comarca.

E aseguran estar dispostos a cumprir “as maiores exixencias” para quedarse; a que se refiren? Acaso ao prometido “olor cero” que xa prometeron no 1991 e que máis recentemente aseguraron ía ser realidade no 2014?

O Sr. Casal di que en ENCE necesitan investir; nós dicimos que Pontevedra quere vivir libre da súa contaminación, que o único comunicado que agardamos de ENCE é o que anuncie o fin da súa actividade na nosa Ría e a única inversión a do seu desmantelamento e recuperación de
Lourizán para uso e disfrute da cidadanía.

Pontevedra, 14 de outubro de 2015
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.

Premios Medioambientais e Corrupción Ambiental

ENCE e Volkswagen unha mesma traxectoría:

PREMIOS MEIOAMBIENTAIS DE VOLKSWAGEN

2006: Premio Europeo de Medio Ambiente polos procesos e novas tecnoloxías de producción respetuosos do medio ambiente
2007: Premio Empresarial Europeo para o Medioambiente
2007: Certificado da Unión Europea de “Reutilización, Recuperación e Reciclaxe”

A manipulación dos datos de emisións en Volkswagen comezou en 2003, moito antes de recibir os primeiros premios de excelencia ambiental. Volkswagen decidiu de maneira completamente consciente que non importaba envelenar a todo o planeta emitindo corenta veces más óxidos de nitróxeno que a cantidade legalmente permitida, si facéndoo conseguían situarse como a primeira marca de automóbiles do mundo.

PREMIO ENCE:

2015. Recoñecemento categoría oro, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, de 15 anos de rexistro continúo EMAS polo seu destacado compromiso co desempeño, credibilidade e transparencia na Xestión Ambiental.

Premio concedido que esquece a contaminación do aire (ex. niveis de xofre no 2013 superando a media diaria que a OMS non recomenda superar xamais – informe EA 2014-), da auga (ex. a medición no 2013 por Augas de Galicia de coliformes fecais superiores aos permitidos na Directiva 91/271/CE ou o sistemático incumprimento da Lei para a Demanda Química de Oxíxeno, os Sólidos en Suspensión e en menor medida a Demanda Bioquímica de Osíxeno, expresando a carga contaminante en Kg/día en vez de mg/L)

Repartimos o “Libro Branco” en Marín e Pontevedra

O sábado 7 de novembro asociados aos diferentes grupos e organizacións que conforman a campaña Ence Fóra para sempre saímos á rúa en Marín (na Alameda) e en Pontevedra (na Peregrina e noutras prazas) garantindo o reparto de máis 1400 exemplares do Libro Branco contra ENCE. Falamos a pé de rúa das triquiñolas da pasteira, das portas xiratorias, dos problemas de saúde, dos seus incumprimentos ambientais, do lastre que supón para o desenvolvemento da ría, en suma, da situación de chantaxe que estamos a vivir na Ría e a imperiosa necesidade de dicir ben alto “A Ría e nosa e non da Celulosa”.

Faro de Vigo

“É máis barato mercar vontades que mudar a ubicación da fábrica”

Seguindo o lema de “é máis barato mercar vontades que mudar a ubicación da fábrica”, ENCE, o énemigo numero 1 da comarca contra a saúde, o medio ambiente e o desenvolmento sustentábel da actividade productiva da Ría, convidou masivamente o sábado 7 de novembro (as entradas incluso chegaron a darse gratuitamente nos bares) a un acto de autopublicidade, pan (bocadillos) e circo (música e atraccións para os cativos) de balde na Praza de touros de Pontevedra.

Neste acto de celebración dun premio medioambiental lembramos como outras empresas implicaladas en triquiñolas e portas xiratorias tamén gañaron premios ambienntais da UE como foi o caso de Wolkswagen en 2007.

Ver fotos de Rafa Vázquez en Faro de Vigo